Recuperan o Entroido perdido na zona do río Cabe
A asociación cultural Segredos de Pantón recupera este ano o antigo Entroido do Cabe. Persoeiros como os cabaleiros, as damas e os farrampláns reviven hoxe, aínda coas limitacións da pandemia, unha tradición centenaria que estaba perdida.
A transmisión oral permitiu recuperar as tradicionais figuras do Entroido de Pantón, en Lugo, que se foran esquecendo pouco a pouco. Despois de investigar durante un ano e de falar coa xente que o vivira na súa mocidade, rapaces da vila volveron vestir os traxes típicos da zona do río Cabe.
Os veciños maiores celebran volver a ver polas rúas as figuras que coñeceron de novos. Failles lembrar como era o Entroido que eles viviron.
"Tiñámosllle moito medo porque corría detrás dos nenos e, ás veces, non chegabamos ao campo", rememoran.
A pandemia impide agora que saian todos os mozos disfrazados, como daquela, e que haxa bailes, pero a asociación Segredos de Pantón, impulsora desta recuperación, pretende que o Entroido do Cabe se poida celebrar ao cen por cento cando a situación o permita.