CRTVG

Buscar

Telexornal Serán FDS

Recuperan o corpo do terceiro militar falecido no accidente de helicóptero en augas do Atlántico

Publicado o 31/10/2015 21:06






Os mergulladores recuperaron esta tarde o corpo do terceiro militar falecido no accidente do helicóptero Súper Puma, acontecido o día 22. Arestora o buque da Armada diríxese cara á base naval de Gran Canaria, xa cos tres cadáveres. Esta mañá Mariano Rajoy reuníase cos familiares e compañeiros dos falecidos. Defensa podería oficiar mañá mesmo o funeral para non alongar máis o sufrimento das familias.

Os mergulladores da Armada recuperaron xa o corpo do terceiro dos militares falecidos no accidente de helicóptero en augas do Atlántico.

Onte puideron recuperar dous cadáveres da cabina do helicóptero.

Cos corpos dos tres falecidos a bordo, o buque da Armada xa iniciou o regreso á base naval das Palmas de Gran Canaria, unha travesía para a que precisarán entre 18 e 20 horas.

Unha vez que cheguen a terra, os cadáveres serán trasladados ao Instituto Anatómico Forense da capital grancanaria.

Posteriormente serán velados na base aérea de Gando.

O presidente do Goberno reuníase esta mañá, sen presenza de xornalistas, cos familiares e cos compañeiros dos tres militares falecidos. Expresoulles persoalmente as súas condolencias.

"Estiven con eles e están como é lóxico moi apenados, amosaron tamén unha gran enteireza e é algo que reconforta"

Mariano Rajoy destacou o esforzo e o traballo realizado polas Forzas Armadas.

"Deilles as grazas polo seu traballo, o seu esforzo e a súa dedicación"

O presidente do goberno agradeceu tamén a colaboración das autoridades marroquís e indicou que corresponderá aos resultados da investigación determinar as causas do accidente.

"É fundamental saber cales foron as causas do accidente...por se realmente houbo algunha razón de tipo técnico...estou convencido de que ao final saberemos o que ocorreu"

En pouco máis de ano e medio producíronse en augas próximas ás Canarias dous accidentes de helicópteros Súper Puma, que deixaron sete falecidos.
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí