CRTVG

Buscar

Recuperan case dous quilos de xoias nunha garrafa dunha banda albanesa que roubaba nos Tilos

Publicado o 06/12/2018 13:51

Un quilo e medio de xoias dentro dunha garrafa de aceite. É o botín que localizou a Garda Civil no coche dos dous albaneses detidos. Colléronos en Verín, na A-52, cando fuxían do país. Hai outros tres identificados, todos albaneses de entre 25 e 30 anos, aos que lles atribúen mútliples roubos nas provincias da Coruña, Ourense e Pontevedra. Entre eles, os denunciados polos veciños dos Tilos, unha urbanización do concello de Teo, nas aforas de Santiago. A Encarna xa lle entraron tres veces. A última, hai 15 días.

A Garda Civil devolveu xa cinco lotes de xoias, algún valorado en 65.000 euros, segundo os propietarios. Outros, non tiveron tanta sorte.

Os dous detidos xa ingresaron en prisión, tras prestar declaración no xulgado de Verín. Impútanlles roubo con forza continuado, falsidade en documento público, furto de vehículo a motor e integración en grupo criminal.

A investigación segue aberta, á espera de que o xulgado decida se decreta unha orde europea de detención para os outros tres identificados.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

06/12/2018