CRTVG

Buscar

Recta final para os capóns de Vilalba que se venderán na feira do día 22

Publicado o 13/12/2019 21:20

Nesta explotación da parroquia vilalbesa de Oleiros críanse uns 200 capóns, case a oitava parte dos exemplares que se producen en todo o concello. Os animais teñen agora uns oito meses de idade e superan os cinco quilos, que é o peso mínimo para a súa venda.

Aurora Lozano, criadora de capóns de Vilalba:
"Ao chover, aí no mes de novembro, recóllense para dentro, engórdanse e agora xa están para vender. A xente xa está pedindo, e vou levar á feira máis de 30. Esta tempada espero vendelos todos."

Na Feira do Capón de Vilalba, que se celebrará o vindeiro día 22, poranse á venda uns 500 exemplares, cun prezo medio de 90 euros por unidade. A cita xerará, por tanto, un volume de negocio duns 45.000 euros, que representa case a terceira parte da facturación total dos 55 criadores.

Gonzalo Hermida, xerente da Asociación de Criadores de Capón de Vilalba:
"O volume de animais censados é de case 1.700. Segundo acordamos nunha reunión onte, van ir uns 500 capóns á feira."

Malia que a Indicación Xeográfica Protexida Capón de Vilalba está concedida dende o ano pasado, aínda non está implantada, á espera de cumprir coas directrices comunitarias. A mediados da semana vindeira, os animais comezarán a ser sacrificados para as festas do Nadal.

Noticias web

13/12/2019

Máis sobre Vilalba

Arzúa 0-0 R.Vilalbés
19/10/2020 10:16