CRTVG

Buscar

Recta final para comezar a usar as app de rastrexo

Publicado o 05/08/2020 15:35

Vídeoconferencia cun experto en ciberseguridade. Cóntanos que a pandemia fixo que a dixitalización avanzara en meses o que tiña previsto avanzar nuns sete anos. E tamén provoca a aparición das aplicacións de rastrexo da covid-19.

"Noutros países son obrigatorias. Aquí son voluntarias, pero se a xente non as descargamos e non as usamos non vale de nada", di Jesús Sánchez, CEO de Áudea Seguridad de la Información.

A aplicación de rastrexo da Xunta comeza en fase experimental en agosto, e en setembro podería xeneralizar o seu uso. A aplicación do Goberno español, superada a fase de proba na Gomera, estará dispoñible a partir do 15 de setembro. Serán voluntarias, seguras e confidenciais.

"Só se un se contaxiou e dá o seu consentimento expreso de forma anónima comunicarase aos seus contactos que deben acudir a un centro de saúde por un posible contaxio", afirma Jesús Sánchez.

Di o Goberno que, detectando contaxios, a aplicación é o dobre de eficaz que os rastrexadores manuais. Pero aínda hai preguntas sen responder.

"Que pasa se persoas que agora están en España viaxan ao estranxeiro? Espérase que a Unión Europea harmonice a lexislación e as medidas de seguridade", conta o CEO.

As aplicacións deben garantir que os datos dos usuarios se empregan exclusivamente para controlar a pandemia.

"E non para ter un control absoluto do usuario en cuestión", engade o experto.

Noticias web

05/08/2020