CRTVG

Buscar

Recta final no xuízo polo crime de Ana Enjamio

Publicado o 17/12/2019 19:48

O vestido que Ana Enjamio levaba a noite do seu asasinato tiña 24 cortes por arma branca. O seu abrigo tiña dous cortes máis nas mangas. Confirmouno este martes a última testemuña do xuízo, un membro do equipo de criminalística que declarou por videoconferencia.

A súa análise coincide co informe forense e confirma o asañamento do asasino. Este mércores as partes van presentar as súas alegacións finais. O acusado, César Adrio, declarouse inocente e a súa defensa xa confirmou que pedirá a libre absolución.

O Ministerio Fiscal e a acusación popular reclaman para Adrio 27 anos de prisión polos delitos de asasinato con asañamento e aleivosía e acoso.

A acusación particular pide para Adrio 32 anos de prisión polos delitos de asasinato, acoso e violación de intimidade.

Os membros do xurado popular comezan a deliberar este mércores pola tarde. Dende ese momento permanecerán illados nun hotel de Vigo ata que cheguen a un acordo.

Noticias web

17/12/2019