CRTVG

Buscar

Recrúan as protestas en Quito e o Goberno de Lenín Moreno trasládase a Guayaquil

Publicado o 09/10/2019 11:22

O Goberno ecuatoriano, desprazado na cidade de Guayaquil, pide diálogo para frear as protestas da comunidade indíxena contra o denominado "paquetazo". O paquete de medidas económicas que inclúe a retirada dos subsidios aos combustibles desatou unha marcha indíxena sobre a capital que hoxe ten prevista a súa manifestación principal e que esta noite pasada rompeu o cerco de seguridade e entrou no Parlamento. Os manifestantes foron expulsados despois pola policía.

Máis de 20.000 manifestantes chegados de todo o país rodearon o Palacio Presidencial e, despois, conseguiron romper o cerco de seguridade e entrar no hemiciclo do Parlamento, de onde foron expulsados polas forzas de seguridade.

A comunidade indíxena demanda que o Goberno retire o denominado 'paquetazo', unha serie de medidas que inclúen a retirada das subvencións aos combustibles, gravan os produtos manufacturados e prexudican os prezos dos alimentos que producen estas comunidades de agricultores.

Ante a escalada das protestas, que foron reprimidas con gases lacrimóxenos e deixan xa catro mortos, o Goberno decidiu desprazarse a Guayaquil, desde onde recibiu o apoio dos gobernos de Chile e Arxenina. Lenín Moreno pide diálogo, e acusa o ex-presidente Correa de instrumentalizar as protestas para derrocalo.

"Non se pode violentar o sistema democrático, non se pode violentar a Constitución", dixo o presidente do Ecuador.

Rafael Correa acusa a Moreno de mentir: "A verdade é que existe un gran descontento xeral pola traizón, non a min, a todo un programa de goberno e á democracia, polo acordo co FMI e a implementación de medidas tan duras", dixo.

Desde Venezuela, Guaidó acusa tamén a Maduro de orquestrar este proceso. O presidente de Venezuela ironizou sobre a acusación e dixo que "se Lenín Moreno está na realidade debe botar para atrás ese paquete económico".

O Goberno de Ecuador paralizou a actividade nas sedes rexionais, organismos públicos como a Fiscalía e en tres campos petroleiros ante a chegada de manifestantes indíxenas.

Noticias web

09/10/2019