CRTVG

Buscar

Récord de convocados e de asistencia á vacinación en Santiago

Publicado o 17/07/2021 14:43

En canto á vacinación, en Santiago o venres foi o día de maior cantidade de xente citada e de maior porcentaxe de asistencia na Cidade da Cultura, cunhas 11.000 persoas citadas nunha soa xornada, na que acudiu o 97 % dos convocados. Esta mañá continuou a quenda do grupo de idade de 30 a 39 anos.

Na área sanitaria de Santiago, este sábado chegou a quenda para vacinarse ás persoas de 32 e 33 anos. Había uns 4.700 citados no Gaiás. Recibiron a primeira dose de Moderna. "Traballo de cara ao público, é bo estar protexido, tamén polos maiores da nosa familia, porque teño contacto con moita xente ao final do día" "Teño un neno de dous anos e estaba á espera por se podía poñela coa lactación, e por agora sen problema"

Ademais do grupo de idade de 30 a 39 anos, hoxe tamén estaban reservados ocos para as persoas que pediron cita, un sistema habilitado polo Sergas para os estudantes de Erasmus e para maiores de 50 anos que quedaron sen citar ou que non puideron acudir no seu momento.
María Xosé Parrado, enfermeira e coordinadora da vacinación na Cidade da Cultura: "Xa comezamos o mércores con ocos para aqueles que piden cita. Hoxe temos unhas 120 ou 125 persoas".

Moitos dos que este sábado acudían aseguraban estar moi concienciados da necesidade da vacinación.
"Sempre tiven ganas de vacinarme porque é a única solución a curto prazo para que todos estes contaxios comecen a reducirse, porque parece que non chega o momento da estabilización"
Onte foi día de récords na Cidade da Cultura, coa maior cantidade de persoas citadas, unhas 11.000 nunha soa xornada. Recibiron a segunda dose de Pfizer no grupo de idade de 40 a 49 anos, cun récord de asistencia do 97 por cento.

Noticias web

17/07/2021