CRTVG

Buscar

Recoñecen a Unidade de Enfermidades Inflamatorias Intestinais do CHUS con un certificado de excelencia

Publicado o 13/11/2019 14:47

Un traballo de equipo que atende de forma coordinada os aspectos propios da enfermidade de Crohn e da colite ulcerosa, pero tamén todas as súas implicacións. Iso é o que se premia co certificado de excelencia que recibe hoxe o persoal médico e de enfermería desta unidade do CHUS.

O responsable da Unidade de Enfermidades Inflamatorias Intestinais do CHUS, Manuel Barreiro, enuméraos: "cirurxiáns, pediatras, porque cada vez diagnosticamos máis nenos, reumatólogos, porque un de cada tres doentes vai ter alteracións articulares...".

Descoñécese a causa destas doenzas, que en esencia consisten na alteración da capacidade do organismo para dixerir os alimentos e absorber os nutrientes. Adoitan diagnosticarse antes dos 30 anos de idade e non teñen cura. Provocan diarrea, dor e outras complicacións que poden ser moi incapacitantes e necesitan un tratamento crónico. En Santiago funciona o único hospital de día que existe en Galicia para estes pacientes.

"Facemos un seguimento continuado, porque ademais son xente nova e tratamos de que falten o menos posible ao seu traballo ou á escola, o obxectivo é que quede o menos mermada posible a súa calidade de vida".

Aquí tratan arredor de 2.000 pacientes. Anualmente diagnostican uns 90 casos novos; o 10% deles son nenos. Afecta tanto homes como mulleres e, no caso da enfermidade de Crohn, parece que o tabaquismo ten unha relación directa. Os tratamentos teñen unha dobre vertente: para atallar os brotes e para previlos.

Os casos máis graves son os que precisan ser tratados no hospital de día con medicamentos biolóxicos intravenosos. De cara ao futuro, trabállase para dar con tratamentos personalizados e adaptados a cada caso. Nos centros de investigación asociados ao CHUS varios grupos estudan novas terapias.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/11/2019