CRTVG

Buscar

O restaurante Culler de Pau consegue tres soles Repsol

Publicado o 24/02/2020 23:17

O restaurante Culler de Pau, do Grove (Pontevedra), recibiu este luns o seu terceiro sol, a máxima distinción que outorga a Guía Repsol, nunha gala en San Sebastián onde tamén se desvelaron os 23 restaurantes que reciben dous e os 77 que estrean o primeiro.

Un total de 102 restaurantes foron distinguidos este ano pola guía española, que modificou o seu sistema de cualificación en colaboración co Basque Culinary Center para formar a 50 inspectores que visitaron máis de 1.300 restaurantes durante 2019.

Javier Olleros, do Culler de Pau, xunto con Fina Puigdevall e a súa filla filla Martina Puigvert, de Les Colsr, en Xirona, recolleron o seu terceiro sol pola súa "inquietude por preservar a identidade da contorna e profundar nas raíces" cunhas cociñas sostibles que expresan os seus territorios e baséanse en hortas propias e nos ingredientes autóctonos, que recuperan grazas ao seu traballo con produtores locais.

Olleros defendeu unha "cociña de pobo baseada no produto ecolóxico e sostible", tamén como achega á loita contra a crise climática.

Estas distincións tamén recoñeceron a Lucía Freitas, da Tafona, en Santiago de Compostela, cun segundo sol.

En total, a guía distinguiu este ano a 102 restaurantes repartidos por toda a xeografía española, fóra de Estremadura e Melilla, que se van sen recoñecemento, e por primeira vez concede un sol en Ceuta.

Cataluña é nesta edición a comunidade máis 'solleira' con 17, seguida de Andalucía, con 14, e Madrid e País Vasco, que empatan con once novos soles.

A guía recolle este ano un total de 545 restaurantes e pon o foco "nas zonas menos visibles deste país", como as que acollen ao novos tres soles, e en "apoiar o potencial de tantas mulleres que son parte esencial deste sector", engadiu.

Tamén explicou que, ademais do ditame dos 50 inspectores, apoiáronse na Asociación de Amigos da Real Academia de Gastronomía e o Comité Asesor Soles Guía Repsol, integrado por "profesionais de diversos ámbitos con profundo coñecemento do territorio gastronómico que achegan o punto de vista do comensal". 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

24/02/2020