CRTVG

Buscar

Recomendan quentar líquidos no microondas cunha culler dentro

Publicado o 12/09/2019 21:23

Os expertos recomendan quentar líquidos no microondas con algún obxecto dentro do recipiente. Se a auga ou o leite se quentan demasiado, ao sacalos e botarlles azucre, té, café ou ao meter a culler pode empezar a ferver descontroladamente, salpicar e queimar. 

Cando se quenta un vaso de auga ou unha taza de leite no microondas non sempre se ve que empeza a ferver, como nunha pota ao lume.

"Pode pasar que o líquido se sobrequente, pase por riba da temperatura de ebulición, e nós nos vexamos as burbullas nin saibamos que está realmente por riba da temperatura de ebulición", di Luis Miguel Varela, catedrátido de Física na Universidade de Santiago.

"Todo é burbullas que están pelexando unhas contra outras e non se deixan rebentar unhas a outras. Rebentan cando un rompe ese equilibrio", explica Jorge Mira,  tamén catedrático de Física na Universidade de Santiago.

Os problemas poden xurdir ao sacar o recipiente e meterlle algo dentro.

"Tan pronto o rompamos con algo, culler, bolsa de té... de repente ferve. Todos observamos que de repente fai ras". "Os fabricantes recomendan que se introduza unha culler para que faga núcleos de cristalización e xa se produza a ebulición dentro do propio microondas", engade Varela.

Os físicos aconsellan usar obxectos de madeira ou plástico, pero malia que o metal pode provocar descargas eléctricas dentro do aparello, unha culler, aínda que sexa metálica, pode valer. Un garfo, non.

"Se o material que se introduce, aínda que sexa metálico ou condutor, non ten puntas, non ten ese perigo de acumulacion de cargas, e non produciría ese efecto". "Ten que ser un obxecto coas menos arestas posibles. A culler, dentro do que temos na cociña, é o máis redondo e amplo e con menos arestas", explican os físicos.

Os microondas máis modernos incorporan iconas explicativas para que o usuario quente os líquidos coa culler dentro.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

12/09/2019