CRTVG

Buscar

Recomendacións para facer fronte a unha treboada súbita

Publicado o 16/06/2021 21:40

En moitas ocasións os trebóns píllannos en pleno tránsito. Se imos circulando e a estrada se inunda de auga o mellor é apartarse, sinalizar o vehículo e agardar a que pase dado que as balsas de auga adoitan orixinar moitos accidentes.

Miguel Ángel González, do GES de Becerreá, asegura que "se hai moita tormenta e vén con sarabia ou choiva forte o mellor é arrimar o coche nun sitio seguro e esperar a que escampe. As balsas de auga que se forman son perigosas porque te poden botar fóra da estrada".

Outro dos problemas chega cos fortes refachos de vento que arrastran todo ao seu paso e mesmo rompen ou arrancan as árbores. O mellor é poñerse a cuberto, especialmente nas cidades onde lousas, farois ou o mobiliario urbano tamén pode supoñer un perigo.

"Se vén con vento moi forte hai que ter coidado coas árbores. Nas cidades lousas, canalóns, mesas de terrazos ou contedores poden ser perigosos", advirte Miguel Angel.

Ollo, se o trebón nos pilla no campo ou non monte cómpre buscar acubillo.

"Hai que apartarse das árbores, que son susceptibles de atraer os raios. Se te colle en campo aberto, non se pode correr nin escapar", sinala Miguel Ángel.

E o máis importante, ser prudentes. Hai que deixar de lado as fotos e os vídeos curiosos e evitar riscos innecesarios que poden acabar en accidentes.

Noticias web

16/06/2021