CRTVG

Buscar

Recomendacións dos xestores para evitar erros na declaración da renda

Publicado o 15/05/2019 13:18

Cando queda mes e medio para que remate a campaña da renda, os xestores fan un repaso dos cambios que debe ter en conta o contribuínte. Hai varios importantes.

Os ingresos correspondentes ás prestacións de maternidade e paternidade están exentos do pago do IRPF. E máis novidades para algunhas nais.

Pilar Otero, presidenta do Colexio de Xestores Administrativos de Galicia: "Aquelas nais que teñan os nenos na gardería teñen a posibilidade de incrementar a dedución por maternidade, sempre que cumpran uns requisitos".

Os contribuíntes con rendas inferiores aos 16.825 euros beneficiaranse dunha redución da súa cota. Tamén os que invistan en empresas de nova creación.

Ademais, increméntase a dedución por familia numerosa e hai outra por cónxuxe con discapacidade a cargo.

Os asesores din que cómpre analizar polo miúdo cada circunstancia e advirten das consecuencias de cometer erros na declaración.

Pilar Otero, presidenta do Colexio de Xestores Administrativos de Galicia: "Ou ben que pague máis ou que teña unha devolución inferior, ou se paga de menos ou ten máis devolución da que lle corresponde, pode dar lugar a unha sanción",

Por iso, recomendan que o que teña dificultades pida axuda antes de confirmar a súa declaración.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

15/05/2019