CRTVG

Buscar

Recollen sinaturas para que o Concello de Santiago autorice a volta do xeadeiro e castañeiro á Porta Faxeira

Publicado o 11/06/2021 13:50

Unha das imaxes icónicas do outono compostelán é a do castañeiro Manolo Prieto vendendo os seus cartuchos na Porta Faxeira. Leva 53 anos exercendo esta actividade que xa herdou de seu pai: vende castañas no outono e xeados na primavera e verán. Pero desde hai 20 días o carro de Manolo non sae do garaxe. O Concello aprobou unha nova ordenanza municipal e o permiso que tiña quedou sen efecto. Tivo que tramitar outro e, ata que non se resolva, viuse obrigado a cesar a actividade, co conseguinte prexuízo económico, pero tamén anímico.

Esta actividade é o sustento para a familia de Manolo. El vendía na Porta Faxeira e a súa muller na alameda. Son case unha institución na zona, e por iso están recibindo numerosas mostras de apoio, como unha campaña de recollida de sinaturas. Un afecto que Manolo, desde a súa humildade, agradece emocionado.

Manolo confía en que todo se resolva favorablemente nuns días e poder volver ao que considera o seu hábitat natural, e que agora está orfo sen a súa presenza.

Noticias web

11/06/2021