CRTVG

Buscar

Recollen material escolar para entregar a familias necesitadas de cara ao comezo do curso

Publicado o 26/08/2019 13:51

A Fundación Amigos de Galicia ten en marcha ata o próximo día 6 a campaña Nas súas mochilas os seus soños. O obxectivo é apoiar as familias que teñen escolares e non dispoñen dos cartos necesarios para equipalos no comezo do curso.

Paula Chapela, responsable de Comunicación da Fundación Amigos de Galicia: "O que pretendemos é recadar material escolar novo para entregar a todos os menores que imos atender este ano con material escolar. Pretendemos entregar 1.844 mochilas entre nenos e nenas en idade escolar que estamos atendendo".

Pódense facer doazóns particulares nalgúns dos puntos de recollida; librerías que participan na campaña e nas sedes da entidade; con información de todos eles. Paula Chapela explica que "se pode colaborar tamén como punto de recollida. Quen teña unha librería ou papelería pode colaborar con nós e facerse punto de recollida. Outra cooperación é facerse voluntario. Precisamos moitas horas de xente que nos axude a facer as mochilas de material escolar".

Todo o material que pode utilizar un escolar de entre 3 e 16 anos é benvido pola entidade que presta este servizo social, e en particular, cadernos, mochilas, gomas de borrar ou tesoiras.

Co material recollido compoñerán tres tipos de mochila segundo o escolar destinatario: infantil, primaria e secundaria.

Os días 30 e 31 realizarán unha recollida masiva no Alcampo de Vilagarcía e no de Santiago.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

26/08/2019