Reclusos de Monterroso publican vídeos tomando pastillas e tatuándose dentro do cárcere
Sete presos da prisión de Monterroso foron expedientados por Institucións Penais despois de que se difundiran vídeos gravados con teléfono móbil polos propios internos nos que se pode apreciar a varios consumindo pastillas, afiando un obxecto ou realizando unha tatuaxe cunha máquina.
Fontes de Institucións Penais consultadas por Europa Press confirmaron que se contactou co centro penal para aclarar como puideron gravarse estes vídeos, que foron difundidos por redes sociais nos últimos días. Nun deles, no que se ve un recluso usando unha máquina de tatuar nas costas doutro preso, o que capta as imaxes cun teléfono móbil apunta a outro interno que estaría a afiar un obxecto, tamén prohibido, mentres pon en cuestión que os funcionarios do cárcere exerzan os labores de vixilancia de forma adecuada.
"Dous módulos, un con dez tíos e outro con outros dez, dous gardas, mais a da noite, cobrando mil e pico pavos, traballan 48 horas seguidas e logo descansan o resto da semana", relata o que porta o móbil. "Por aquí non hai nin Deus... A tele de merda, os gardas aí na garita co teléfono e a tele. Aquí o coleguita afiando aí algo, e os colegas aí tatuando para pasar o tempo", continúa, mentres que se oe por detrás: "Se queredes facer unha tatuaxe, vide a Monterroso".
Ao tempo, o que segue gravando, quéixase de que no cárcere, por exemplo, non se forme a quen queiran aprender a tatuar. "No canto de facer un curso, cóllenlles a máquina, métenlles un parte e para illamento. Esa é a puta reinserción social que hai. Que veña un monitor e ensinen a tatuar", pide. Noutro vídeo, pódese ver varios reclusos nunha mesa con numerosas pastillas. Presumen de telas e baleiran o contido dalgunhas nun vaso de plástico, no que logo verten o contido dunha lata que parece un refresco. "Cóctel molotov, isto é para que vostedes o gocen", di un deles.
Á marxe da investigación activada para esclarecer o ocorrido no penal de Monterroso, Institucións Penais confirmou que foron identificados e amoestados os sete presos que intervirían nos feitos. A todos eles abríuselles expediente disciplinario e foron comisados os obxectos prohibidos.