CRTVG

Buscar

Reclaman a dúas residencias de estudantes de Salamanca as pertenzas e os cartos adiantados

Publicado o 29/06/2020 14:19

Mamen estuda Filoloxía Inglesa en Salamanca. Coa declaración do estado de alarma volveu a Lugo e deixou case todo na residencia de estudantes pensado que sería pouco tempo. Agora, máis de tres meses despois, o curso rematou e non consegue recuperar as súas pertenzas. Canda ela están afectados uns 80 universitarios de toda España aloxados nas residencias Helmántica I e II, pertencentes ao mesmo propietario.

"Non teño case nada, todo está alí, os meus apuntamentos para estudar tiven que volver facelos, o espello, a roupa, o ordenador, todo", sinala María del Carmen Vidal, unha das estudantes afectadas.

Os que se achegaron xa a recoller as súas cousas atopáronse con que non lles deixan entrar a menos que asinen un documento en que renuncian a recuperar o diñeiro que aboaran por adiantado correspondente ao mes de xuño e á fianza. Un diñeiro que as familias reclaman, dado que o centro estivo pechado e non deron ningún dos servizos polos que pagaban.

"Son moitos cartos, da fianza 750 euros e do mes de xuño que se adiantaran en novembro outros 750. Varía un pouco en función do cuarto que teñas, pero máis ou menos está cada alumno entre os 1.200 e os 1.500 euros, que son cartos", di Pilar García, nai dunha das estudantes afectadas.

Agora os afectados están a interpoñer denuncias ante a Policía Nacional e sumándose a unha denuncia colectiva por apropiación indebida e reclamando a devolución do seu diñeiro.

Noticias web

29/06/2020