CRTVG

Buscar

Os traballadores de Alcoa viaxan en caravana da Mariña ata Lugo por unha solución

Publicado o 28/06/2020 15:05

Traballadores da factoría de Alcoa San Cibrao, arroupados por veciños da comarca, viaxaron esta mañá en coche desde A Mariña ata Lugo e formaron unha caravana de 16 quilómetros para reclamar unha solución que permita garantir a produción de aluminio primario na planta mariñá e, consecuentemente, o mantemento dos postos de traballo.

O presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, agradeceu unha vez máis a resposta da comarca da Mariña a esta convocatoria e a unidade dos traballadores nas accións para defender os postos de traballo de Alcoa San Cibrao, que “permitiu formar unha caravana de 16 quilómetros”, segundo a información “da propia Dirección Xeral de Tráfico”, precisou.

Os vehículos, que acabaron o seu percorrido na Ronda da Muralla de Lugo, partiron de diferentes municipios da comarca da Mariña, concretamente desde Viveiro, Cervo, Burela e Barreiros, para  reagruparse na Autovía do Cantábrico (A-8).

A caravana fixo o percorrido pola autovía A-8 ata Baamonde (Begonte), onde enlazou coa Autovía do Noroeste (A-6) para chegar ata a cidade de Lugo, á que accedeu a través da saída do polígono industrial do Ceao.

Desde alí, decenas de coches entraron en Lugo capital pola Avenida da Coruña e chegaron á Ronda da Muralla, onde os manifestantes fixeron soar de forma repetida as súas bucinas.

Inicialmente estaba previsto que os vehículos accedesen ao centro histórico da cidade, pero finalmente, dada a magnitude da propia caravana, limitáronse a dar unha volta completa á Rolda da Muralla, a vía perimetral que rodea o monumento romano, onde finalizou a protesta pasadas as 14:00 horas.

Esta protesta producíase despois de que a dirección de Alcoa iniciase o pasado xoves -día 25 de xuño- o período formal de consultas no proceso de despedimento colectivo que podería terminar con 534 traballadores da fábrica de Aluminio Primario de San Cibrao na rúa, ademais da repercusión que tería esta decisión sobre todas as empresas auxiliares.

O presidente do comité de empresa afirmou que neste momento a solución pasa polo feito de que “o Goberno de España e a Xunta de Galicia” se poñan “de acordo” e decidan actuar de forma conxunta.

Zan afirmou que as últimas medidas aprobadas polo Goberno para abaratar o custo da enerxía eléctrica “non serven para nada” porque non son suficientes para tombar o ERE exposto pola propia multinacional.

A xuízo do comité de empresa, engadiu, a única solución posible neste momento pasa “por unha intervención” da factoría de produción de aluminio primario de San Cibrao, polo menos “durante un tempo”, para tratar de buscar despois un comprador, sempre que exista un “plan de viabilidade” que garanta o futuro da fábrica.