CRTVG

Buscar

Reclaman o arranxo dunha estrada en Avión que se afundiu hai dous meses durante os temporais

Publicado o 18/02/2020 20:40


Carmen, a carteira de varias parroquias do concello ourensán de Avión, leva dous meses tendo que dar un rodeo de varios quilómetros para repartir o correo. A estrada que dá acceso a esas parroquias leva dous meses cortada a causa dunha enorme fochanca

 "A min aféctame moitísimo porque eu chego aquí e xa sigo para adiante as vilas todas que teño, que teño bastantes vilas para adiante e agora teño que chegar a esta vila, dar unha volta para atrás de dez ou quince quilómetros e volver outra vez polo outro lado e así todos os días", di a carteira

O mesmo lles ocorre a outros repartidores e ao tranporte público, din os veciños

 "Aféctanos o problema porque os buses escolares teñen que dar a volta e o da froita, o panadeiro, o do peixe...terrible", quéxanse os veciños

Foi o 18 de decembro do ano pasado cando a enchente do río Mangüeiro, a causa das fortes chuvias, provocou este gran burato. Desde aquela, denuncian os veciños, están practicamente aillados.

 "A ver, estamos incomunicados completo e hai dous meses. Isto tiñan que solucionalo canto antes" "E agora estamos incomunicados aquí todo e non podemos pasar co coche, grazas que podemos cruzar por aí andando"

Pero ás veces pasar a pé tamén supón un risco, sobre todo cando se fai de noite.

"A pé si, pero coidado porque á noite se non hai luz corremos o perigo de ir polo río abaixo"

Os veciños din que xa é a terceira vez que pasa algo semellante desde que se construíu a estrada nos anos setenta.
 

Noticias web

18/02/2020