CRTVG

Buscar

Reclaman o arranxo da pasarela das mariscadoras en Lourizán

Publicado o 27/02/2019 13:32

Chámanlle a pasarela das mariscadoras porque por ela acceden desde a confraría pontevedresa de Lourizán ao banco dos Praceres. Pero moita xente vén camiñar ou correr por esta estrutura de case un quilómetro que se construíu en 2005.

"A pasarela está en mal estado. Nós vimos aquí a camiñar e xa se ve que non hai mantemento ningún. Non está ben. Nunca vin que tivese ningún mantemento".

Nalgunha zona faltan barrotes de madeira e os parafusos quedaron ao aire. Tamén hai treitos do pasamáns deteriorados. A erosión causada polo mar, a chuvia ou o sol estragaron a madeira. Non se descarta que algúns danos sexan obra de vándalos.

"Se vén algún rapaz pode meter a cabeza e ir para abaixo. Fáltanlle táboas e pode caer un rapaz abaixo".

"Hai que poñer a cousa ben porque isto un día cae abaixo. Por aquí pasa moita xente. Fíxose para as mariscadoras pero úsao moita xente porque é un sitio moi bo para pasear. A ver se fan caso un día, a Xunta e o señor Feijóo".

Lamentan que as protestas polo mal estado da pasarela caesen ata agora aen saco roto.

"Levo paseando por aquí desde que se fixo e nunca vin mantemento ningún, nin pintura nin que tratasen a madeira".

"As cousas unha vez que se fan hai que mantelas. Ao ser de madeira, aínda que estea moi ben coidada, sempre se estraga co tempo. E outra cousa que terían que facer era completala ata Pontevedra".

Serían un par de quilómetros máis que facilitarían ir camiñando desde Marín ata Pontevedra.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

27/02/2019