CRTVG

Buscar

Reclaman o acondicionamento das pasarelas da ruta luguesa dos muíños, á beira do río Mera

Publicado o 03/09/2021 13:48

Coas táboas de madeira podres e rotas. Así é como están varias pasarelas na Ruta dos muíños, un paseo que discorre pola beira do río Mera, en Lugo. Como consecuencia, resulta incluso perigoso transitar por elas. De feito, este mesmo ano foi preciso rescatar unha viandante que se accidentara nesta senda.

"Polas pasarelas non se dá pasado en bicicleta. É inviable. Se están secas, andando incluso se poderían chegar a pasar, pero en canto empeza a humidade é imposible pasar. Esvárase e hai ocos, polo que chegan a ser moi perigosas. Pódese romper unha perna ou un pé moi facilmente". "As pasarelas están en moi mal estado. As madeiras están todas podrecidas. Para andar en bicicleta é case imposible, polo que hai que baixar dela. E camiñando, pois é moi fácil escordar un nocello. Tiñan que arranxar isto, que é un paseo moi bonito é aquí vén moita xente a pasear", sinalan varios usuarios.

A ruta, de extraordinario valor paisaxístico, ten un percorrido duns cinco quilómetros pola beira deste afluente do Miño. Para evitar que se produzan máis accidentes, viandantes e ciclistas reclaman o seu acondicionamento.

"Unha de dúas. O primeiro, tal como está, cortar o acceso se non o arranxan, e se o arranxan, pois perfecto. Pero o principal que se debería facer, tendo ese manxar aí, é arranxalo". "Deberían arranxar isto xa. Non é difícil, pois é só colocar unhas madeiras e arranxar os camiños. É fácil de facer. Pero deberían facelo antes do inverno, porque en canto chegan as chuvias é moito máis difícil".

Este mesmo verán o Concello de Lugo anunciou que vai sacar a concurso un contrato para a conservación das zonas verdes que incluirá o mantemento deste paseo do río Mera.

Noticias web

03/09/2021