Reclaman a restitución do acueduto de Caldelas de Tui
Queren que o acueduto de Caldelas de Tui recupere a súa estrutura orixinal. Non está catalogado por Patrimonio, pero a veciñanza recompilou fotografías e documentos que o sitúan neste mesmo lugar hai máis de douscentos anos.
A pasada semana, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil comezou desmontar parte do acueduto para facer unha escada de peixes, dentro dun proxecto internacional para recuperar especies autóctonas. Un veciño que pasaba polo lugar deu a voz de alarma.
Avisou as autoridades municipais e as pedras, que si chegaron a saír de Caldelas, volveron ao seu lugar. Agora, a veciñanza reclama que o acueduto recupere a súa estrutura orixinal.
Consideran que ten un gran valor histórico, etnográfico, patrimonial e veciñal porque ata hai uns anos, aínda se utilizaba para regar as veigas da zona.