CRTVG

Buscar

Reclaman a posta en valor dun posible miliario atopado en Teo

Publicado o 28/01/2020 22:12

Estamos no concello de Teo, pero con só cruzar a estrada chegamos ao de Vedra. Facémolo todo ante a atenta mirada do Pico Sacro e dun marco que sinaliza os lindes entre os dous lugares. E é moi probable que xa o fixera hai 2.000 anos. Así o sospeita un investigador da zona que o estudou cando o atoparon hai xa 5 anos.

E non é de estrañar, na contorna apareceron bastantes vestixios romanos, como por exemplo o miliario da Gándara, hoxe na catedral de Santiago. Algúns investigadores sosteñen que pola zona pasaba a vía XIX, que viña desde Braga ata Lugo, ou se queren desde Bracara ata Lucus Augusti. Ao pé da estrada, o posible miliario, ten gravadas as iniciais dos dous concellos lindeiros: Teo e Vedra. Á asociación cultural Colectivo A Rula, úrxelle a súa posta en valor.

Ademais, o posible miliario romano garda un valor antropolóxico. Contan os veciños máis vellos que o marco tiña propiedades curativas para os nenos e de fertilidade para o gando. De aí que se coñezera como o Marco da Potra. E foi precisamente por potra e sorte que se redescubriu hai uns anos ao rozar unha leira.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

28/01/2020