Piden pór en valor o Panteón de Galegos Ilustres "cunha dignidade que agora non ten"
A ofrenda floral aos pé da tumba lembraba o día, hai hoxe 130 anos, en que os restos de Rosalía de Castro foron trasladados dende Padrón ata esta capela en San Domingos de Bonaval. Co paso do tempo este espazo converteuse no Panteón dos Galegos Ilustres, aquí xacen tamén os restos doutras figuras clave como Castelao ou Francisco Asorey. Pero o recinto é propiedade do arcebispado de Santiago de Compostela e non existe un marco normativo que regule o seu coidado. Permanece ademais pechado ao público.
Justo Beramendi, presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, sostén que "debería vivir un espazo simbólico desta importancia nunhas condicións distintas, cun tipo de protección, cun tipo de coidado, cun tipo de regulamento mesmo para as visitas e para a apertura ao público. Con outra dignidade que actualmente non hai".
Hai dez anos que o Consello da Cultura Galega presentou unha proposta de lei para regular o Panteón dos Galegos Ilustres. Foi aceptada polos grupos parlamentarios pero quedou en papel mollado.
Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, asegura: "Dende aquí facemos un chamamento a que non siga, a que se desbloquee esa situación e que este panteón chegue a ser por vontade do Parlamento de Galicia un auténtico Panteón dos Galegos Ilustres".
Un aniversario que se celebrou reivindicando a posta en valor do Panteón de Galegos Ilustres como parte do patrimonio inmaterial do pobo galego.