CRTVG

Buscar

Recital goleador do Deportivo Abanca cunha Peke espectacular (5-1)

Publicado o 22/02/2020 14:10

RESULTADO Deportivo Abanca 5 - Sporting Club Huelva 1 Homenaxe do Depor Abanca a catro días de visitar o Barcelona na Copa. Manu Sánchez apostou polas rotacións e deixou no banco por primeira vez a Cris e por segunda a Iris.

A primeira metade foi das coruñesas, dominadoras de todas as facetas do xogo. Gaby facía o primeiro tras un gran centro de Athenea, protagonista da xornada. A dianteira, amais de asisitir e provocar o penalti que despois transformaría Peke dende os once metros, volveu sorprender cunha enorme acción persoal no segundo gol. Vexan a condución, o recorte e como axusta o balón ao pau.

Mascaró ía facer o único tanto das andaluzas tras cazar un rexeitamento na área local. Era o minuto 29. Noutro rexeitamento chegaría o cuarto do Deportivo. Centro de Maya que remata Gaby e do que saca proveito Peke.

A piques estivo de sorprender o Sporting no arranque da segunda metade, cun gol en fóra de xogo e un disparo ao longueiro en menos dun minuto. Buscou moito máis a portería o equipo de Antonio Toledo, axudado pola falta de precisión das coruñesas que só no treito final conseguiron superar a defensa andaluza. Peke asinaba deste xeito o seu terceiro hat trick en dez días. A dianteira suma dez goles en 4 partidos.

A nota triste da xornada déixaa a lesión de Fatou tras caer sobre un ombreiro na disputa dun balón. Unha acción que recorda a protagonizada fai uns días por Alba Merino, espectadora hoxe na bancada de Abegondo.

Noticias web

22/02/2020