Recibe a alta o veciño de Rianxo atacado por un enxame de velutinas
Xa está na súa casa do lugar de Rial, no concello de Rianxo, o señor ao que atacou un enxame de vespas velutinas. Afortunadamente non lle quedan danos. Lembra que empezaba a limpar o caleiro deste alpendre cando viu achegarse algo que el describe como unha árbore de Nadal. Era o enxame de vespas que aniñaran no pendello sen que ninguén se decatase e que, ao sentírense ameazadas, o atacaron. Recibiu ducias de picadas no corpo e na cabeza.
Primeiro levárono ao centro médico de Rianxo e de alí ao hospital de Santiago, onde o tiveron en observación ata a noitiña, mentres os bombeiros de Boiro retiraban o niño.
Francisco Manuel Sampedro, sarxento dos bombeiros de Boiro: "Ao chegar alí comprobamos que nun alpendre había un niño de velutinas que foi retirado sen maiores problemas. A situación do niño era un pouco complicada, porque de principio non se vía, pero retirámolo sen máis".
Algunha avespa aínda buscaba o niño esta mañá.
Os bombeiros din que os avisos aumentan conforme avanza o desconfinamento.
Francisco Manuel Sampedro, sarxento dos bombeiros de Boiro: "Pois si, nos últimos días, sobre todo nos últimos 15 días, estamos tendo un maoir número de avisos de velutinas do que tiñamos ata o momento".
Calquera que vexa un niño debe avisar aos teléfonos 012 ou 112.