CRTVG

Buscar

Recibe a alta o último paciente co virus ingresado no hospital de Santiago

Publicado o 26/06/2020 20:08

O primeiro paciente diagnosticado coa covid-19 ingresou no CHUS o 12 de marzo. A pandemia comezaba a estenderse en Galicia e, tras este primeiro ingreso, moitos máis precisaron hospitalización. O pico máximo rexistrouse a mediados de abril, cando chegou a haber 202 persoas ingresadas, máis de 20 delas en UCI.

Hoxe, 103 días e 479 hospitalizacións despois, tanto o Clínico como o hospital da Barbanza quedan libres de pacientes con coronavirus. O último, un home de 69 anos, recibe a alta logo dun longo ingreso.

Adrián Penas, médico da Unidade de Enfermidades Infecciosas do CHUS, explica que onte puido ver os seus familiares despois de máis de dous meses. "Deu negativo na PCR e, ademais, descubrimos tamén que ten protección porque a seroloxía así o indica, así que é un éxito para nós".

A día de hoxe só hai 26 casos activos na área compostelá, lonxe dos 1.081 que se rexistraban o 22 de abril. Antonio Pose, xefe do Servizo de Medicina Interna do CHUS, insiste na importancia de cumprir coas medidas de protección e seguridade para que non haxa novos ingresos. "É fundamental nesta época de verán que se respecten as medidas".

Máis de 1.735 persoas recuperáronse da enfermidade. Desde o 22 de maio non hai falecementos por esta doenza, logo de 109 mortes na área compostelá.

Noticias web

26/06/2020