CRTVG

Buscar

Recibe a alta hospitalaria o neno de Lugo supostamente maltatrado polos seus pais

Publicado o 20/09/2019 12:52

• O pequeno permanece cunha familia de acollida de "forma provisional"

Recibe a alta hospitalaria o neno de Lugo supostamente maltatrado polos seus pais

O bebé de pouco máis de dous meses que se atopaba ingresado no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) de Lugo, debido a golpes na cara e no oído, e despois de ser intervido dun desprendemento de retina en Madrid, xa foi dado de alta, segundo confirmaron fontes hospitalarias.

Os pais permanecen investigados por un suposto delito de malos tratos polo Xulgado de Instrución número 1 de Lugo, cuxa titular é a maxistrada Pilar de Lara, quen lles tomou declaración e deixounos en liberdade con cargos o mes pasado.

Foron os servizos sanitarios, a principios de agosto, os que deron a voz de alarma despois de que os pais acudisen a un centro de saúde da cidade de Lugo, desde o que decidiron evacualo ao HULA. O menor presentaba signos de malos tratos e activouse o protocolo para este tipo de casos. Poucos días despois os pais foron detidos e a xuíza ordenou o afastamento dos proxenitores e outorgou a tutela, sobre o menor, á Xunta de Galicia.

Tras pasar máis dun mes hospitalizado, con desprazamento incluído ao Hospital da Paz en Madrid para ser intervido dun desprendemento de retina, agora recibiu o alta e atópase cunha familia de acollida de forma "provisional".

En concreto, fontes da Xunta confirmaron que o menor permanece cunha familia de acollida "cunha formación específica" da cidade de Lugo.

O bebé e os seus pais vivían entre centos de quilos de lixo, ata unha tonelada e media de desperdicios tiveron que sacar desa vivenda, situada en cálea Irmáns Carro da cidade de Lugo, operarios do servizo de limpeza municipais.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí