Recadan fondos en Sarria para pagar os gastos funerarios do menor que caeu dende un quinto piso
Os servizos sociais do Concello de Sarria organizaron a recollida de donativos para sufragar o funeral do menor falecido ao precipitarse dende un quinto piso. Por se tratar dunha familia numerosa con escasos recursos, a propia funeraria correu coa metade dos gastos, mentres que os veciños da vila xa comezaron a custear o resto dos fondos precisos, que ascenden a 1.500 euros.
Benjamín Escontrela, responsable dos servizos sociais do Concello de Sarria: "Empeza hoxe a recollida das axudas económicas, coas que cadaquén pode colaborar co que estime oportuno e que se canalizan a través da funeraria que levou todo o proceso do enterro do pequeno falecido".
Óscar Alvaredo, xerente da funeraria: "Isto xorde a iniciativa da Concellería de Asuntos Sociais de Sarria e de amigos dos pais, xa que é unha familia numerosa sen recursos de ningún tipo. O obxectivo ascende a 1.500 euros, dado que hai varias partidas que non imos cobrar para facilitar os gastos do enterro deste rapaz".
Esta campaña solidaria dá comezo xusto unha semana despois do tráxico suceso, que causou unha fonda conmoción na vila. A vítima, un neno de 13 anos, fora soterrado ao día seguinte no cemiterio municipal de Sarria.
Benjamín Escontrela, responsable de servizos sociais do Concello de Sarria: "Unha fortísima conmoción. Moito desgusto, coa xente moi afectada. Tratábase dun pequeno de 13 anos. As mortes son terribles nesas idades, pero ao ser unha caída dende un quinto piso causou unha conmoción tremenda en Sarria. Aínda está a xente moi apenada polo ocorrido".
En canto ás circunstancias da morte do menor, seguen a ser investigadas.