CRTVG

Buscar

Soben o 2,7 % os novos contaxios na primeira semana sen estado de alarma

Publicado o 29/06/2020 08:10

Preocupa o aumento de novos focos de coronavirus. A primeira semana completa sen estado de alarma concluíu con 1.915 novos contaxios confirmados en sete días, un 2,7 % máis que os 1.862 comunicados polos sistemas sanitarios durante a última semana en confinamento. A maior parte, en Andalucía e Aragón.

Os novos casos de coronavirus afectan xa a once comunidades. É Andalucía unha das que notificou un aumento de positivos nas últimas horas. Leva 181 casos confirmados repartidos en dez focos en Málaga, Granada, Huelva, Cádiz e Almería. O último brote producíase na comarca malagueña de La Axarquía con seis afectados. Hai polo menos 93 positivos. 

En total suman preto de 200 contaxiados, a metade deles vencellados co brote rexistrado no centro de acollida da Cruz Vermella na capital da Costa do Sol. A Xunta de Andalucía dá por controlado o brote con dez contaxiados en Lepe, en Huelva, e o dos 47 casos en Granada.

Aragón acumula o corenta por cento dos novos contaxios diarios recollidos pola última actualización de datos do Ministerio de Sanidade, case todos eles nas 4 comarcas que retrocederon á fase dúas da desescalada.

O brote detectado nun edificio de Santander, con 13 positivos confirmados, está controlado e as autoridades sanitarias realizaron máis de 300 probas PCR nos inmobles lindeiros para anticipar novos contaxios e evitar a expansión do virus.

Cos sete positivos detectados nas últimas horas, son xa catorce os contaxiados por covid-19 nunha industria cárnica da localidade valenciana de Rafelbunyol.

En Murcia, os novos casos detectados este domingo elevan a 32 os contaxios por coronavirus relacionados cun voo procedente de Bolivia e que obrigou ao peche dunha empresa da capital.

 

 

Noticias web

29/06/2020