Rebentan cun explosivo un caixeiro en Oza-Cesuras para roubar
Axentes da Garda Civil están a investigar un roubo tras unha explosión nunha sucursal bancaria do concello coruñés de Oza-Cesuras. O asalto tivo lugar arredor das 4 da madrugada nesta sucursal do Banco Santander no núcleo de Oza dos Ríos.
As primeiras informacións apuntan a que os autores puideron empregar un artefacto explosivo cheo de gas para acceder ao botón do caixeiro, aínda que de momento se descoñece a cantidade de cartos que puideron levar. A Garda Civil xa abriu unha investigación para esclarecer os feitos e dar cos autores deste asalto.
Os investigadores manexan como hipótese principal que os asaltantes, que segundo algunhas testemuñas serían tres persoas encapuchadas, utilizaron o método do gas para rebentar o caixeiro e levar os cartos do seu interior. Aínda non se puido cuantificar a cantidade e só se sabe que a caixa interna da entidade está intacta.
Os Tedax, que estiveron toda a mañá traballando no lugar, xa coñecen este modus operandi, que foi visto hai menos dunha semana nun suceso similar en Salamanca. Consiste en introducir artefacto cheo de gas na sucursal para logo explotalo. O estoupido pode ser tan violento que esta noite escoitárono en case toda a vila de Oza dos Ríos.
Neste caso os indicios apuntan a unha banda especializada neste tipo de atracos, pero os veciños alertan dun aumento dos roubos na zona. Por sorte, neste caso, ao non haber vivendas ao lado, o atraco non causou danos persoais e non afectou ningún outro edificio.