CRTVG

Buscar

Rebentan a máquina expendedora dun bar de Ribeira cun artefacto explosivo

Publicado o 06/03/2018 14:11

Miren que susto, en plena noite. Un forte estoupido espertou de madrugada os donos dun bar de Ribeira. Os ladróns rebentaron a máquina expendedora de bebidas cun explosivo. E todo para marchar, finalmente, coas mans baleiras.

Os anacos da máquina expendedora de bebidas deste bar da parroquia de Oleiros, en Ribeira, atravesaron a estrada. O estoupido que rebentou a máquina foi tan violento que arrincou o cadeado que a amarraba á parede.

Ao lugar desprazáronse, desde A Coruña, especialistas en explosivos da Policía Nacional. Están a analizar os restos pero sospeitan, segundo o dono do bar, que os ladróns usaron un cartucho de dinamita. 

Moito ruído, e poucas noces: marcharon sen nada, seguramente, polas présas para fuxir do lugar dos feitos despois de espertar media veciñanza.

Sospéitase que foron os mesmos que, a mesma noite, actuaron a nove quilómetros, no restaurante dun cámping de Corrubedo. Escacharon un cristal, forzaron a máquina expendedora e, aquí si, levaron a recadación.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

06/03/2018