CRTVG

Buscar

Na demarcación Galicia-Costa é onde mellor evoluciona a situación de seca

Publicado o 13/01/2018 10:07

Cando menos as chuvias do mes de decembro e do que levamos de xaneiro parece que melloran algo a situación de seca. Augas de Galicia decidiu pasar do nivel de alerta a prealerta, pero a auga aínda non abonda.

Polo momento non se pode falar de normalidade en canto á seca en ningunha zona de Galicia. A que mellor evolución presenta é a da demarcación Galicia-Costa. En doce dos seus dezanove sistemas, as chuvias recentes permitiron rebaixar un chanzo o nivel de alerta, e pasar ao de prealerta. Hai sete, entre eles os do Tambre, Ulla e os dos ríos que desembocan nas rías da Coruña e Betanzos, que aínda presentan niveis preocupantes.

E se a situación non é de normalidade aínda que poidamos ver os encoros en valores case normais, é porque os ríos e os acuíferos non melloraron o suficiente.Ocorre o mesmo nas zonas xestionadas pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil, onde polo momento segue a alerta. Alí aínda se precisa que polo menos siga chovendo con intensidade durante unhas semanas.

A pesar da melloría, as administracións apuntan que é o momento de facer unha reflexión sobre o uso responsable da auga, e previsión de que as situacións de seca se volvan repetir.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/01/2018