CRTVG

Buscar

Rebaixas no alugueiro de locais grazas a un principio clásico do Dereito Civil

Publicado o 22/10/2020 16:08

É o pesadelo que trouxo a pandemia a moitos empresarios: afrontar os custos fixos coma o alugueiro cando tes a actividade restrinxida ou incluso o local pechado.

Para renegociar eses contratos, os xuristas comezan a invocar un principio clásico do dereito civil, o rec sic stantibus, tres palabras en latín que significan que 'estando así as cousas' hai que ser flexibles.

A avogada Ana Quiroga explica que a cláusula afirma que, "cando de maneira sobrevida, por causas de forza maior, a situación en que se asinou o contrato mudou, poden renegociarse as condicións ou incluso deixar de cumprir o contrato".

Parece evidente a oportunidade de invocar esta cláusula agora, e de feito xa hai algunha resolución que ditou medidas aplicándoa: "unhas medidas cautelares para unha discoteca, non pagar alugueiro mentres estea pechada e o 50 por cento cando reabra, ata o momento do xuízo", explica Quiroga.

Pero, ollo, tamén aclara que hai que demostrar ben a relación causa-efecto: "Convén achegar un informe para verificar que efectivamente a empresa antes era rendible e non tiña perdas, e que polo tanto foi esta situación excepcional a que a levou a esta circunstancia".

De momento non lle constan resolucións ditadas nos xulgados galegos, pero "estando así as cousas" prevé que esta solución comece a aplicarse para reequilibrar o pactado entre arrendador e arrendatario.

Noticias web

22/10/2020