CRTVG

Buscar

Rebáixanlle a pena de 11 a seis anos de prisión tras recoñecer os delitos de narcotráfico que lle imputaban

Publicado o 03/03/2020 14:25

Lui Volina exhibía a súa satisfacción tras o acordo certificado hoxe en sede xudicial. O narcotraficante macedonio residente en Caldas de Reis acaba de ser condenado a seis anos de prisión, pero a pena puido ser moito maior, tanto para el como para un dos seus clientes.

Segundo explicaba o seu avogado, Víctor Bouzas, tras a lectura do acordo, "partiamos dunha pena de prisión para Lui Volina de 11 anos e para Xesús, o outro acusado, de nove anos. Dado o tempo transcorrido, dadas as circunstancias (porque este xuízo xa se celebrou contra outras persoas), porque estas dúas persoas estaban en busca e captura, chegamos a un acordo de recoñecer os delictos que se nos imputaban e con iso conseguir unha rebaixa bastante substancial do que se pedía".

Porque ademais, a multa á que se enfrontaba, segundo a petición do fiscal, era de 860.000 euros, que quedarán finalmente en 150.000. Volina, detido hai un ano en Caldas, é o líder dun grupo criminal que fora interceptado en Vilagarcía con seis quilos de heroína, tras unha exhaustiva investigación policial que interveu numerosas comunicacións telefónicas. Daquela logrou escapar da Xustiza, pero cando volveu a Caldas foi apresado. As probas contra el eran contundentes. A Audiencia de Pontevedra decidirá agora se é expulsado de inmediato de España ou se debe cumprir aquí polo menos dous anos e tres meses da condena.

Noticias web

03/03/2020