CRTVG

Buscar

Reapertura da UCI do hospital de Pontevedra tras acabar as obras de mellora

Publicado o 29/04/2020 19:03
Reapertura da UCI do hospital de Pontevedra tras acabar as obras de mellora

A unidade de coidados intensivos do hospital de Pontevedra, que estaba pechada dende había case unha semana, puido reabrir este mércores tras acabar as obras para a súa mellora. Así o informou o Servizo Galego de Saúde.

Esta interrupción temporal do servizo non supuxo un problema asistencial, segundo apuntan fontes sanitarias, xa que actualmente na área sanitaria de Pontevedra só habería catro pacientes na UCI.

Durante os traballos, foron trasladados á unidade de Reanimación, onde recibiron unha atención "con total garantía e dispoñibilidade", segundo apunta a dirección do hospital.

Entre as obras realizadas estaba a incorporación de dous boxes de illamento, solucionando segundo as mesmas fontes citadas máis arriba, o feito de que todas as camas de atención a críticos estiveran distribuídas no mesmo espazo desa unidade. O hospital pontevedrés tamén aproveitou para pintar as instalacións e limpar de condutos, durante este peche temporal.