CRTVG

Buscar

Reaparece no paseo fluvial de Chantada un busto de Rosalía de Castro desaparecido hai doce anos

Publicado o 21/06/2019 14:09

Doce anos despois de que desaparecera o busto de Rosalía de Castro do paseo fluvial de Chantada, volveu ao seu lugar. O estraño é que ninguén sabe exactamente cando reapareceu nin, por suposto, quen o levara daquela nin quen o devolveu. A figura está en perfecto estado de conservación, o que indica que estivo todo este tempo no interior dalgún inmoble, porque non ten desgaste provocado pola auga nin musgo adherido. Cando desaparecera pensouse que se tratara dun acto vandálico e estívose a buscar pola zona, pero sen resultado. Daquela fora fácil de levar porque non estaba pegada á pedra. Cando xa todos esqueceran o busto, a súa reaparición foi unha grata sorpresa para os responsables do obradoiro de cantería en que se construíu. Araceli Goméz,  responsable do obradoiro de cantería: "Foi unha sorpresa moi agradable porque despois de tantos anos xa case nin lembrabamos que estivera aí colocada."

O busto fora roubado aos poucos días de ser colocado. Dado que é un lugar pouco transitado e visible, pénsase que puido ser alguén que presenciou como o colocaban. Tampouco se sabe con seguridade quen foi o autor da figura, xa que foi construído a comezos dos anos 90 e non está asinado. A desaparición non foi investigada no seu día e tampouco se vai indagar como volveu aparecer. O que si se vai facer e pegala á base para que non a volvan levar. "Agora ímolo fixar para que non volva desaparecer. Foi todo moi raro, pero por fortuna houbo final feliz."

O que está claro é que tanto o busto como o lugar en que se atopa son agora moito máis coñecidos que cando se instalou por primeira vez. O que todo o mundo se pregunta é que levou o autor da subtracción a devolver a figura máis dunha década despois.

Noticias web

21/06/2019