Reaparecen os estafadores que se fan pasar por revisores da instalación do gas
Facer a revisión da instalación do gas foi o primeiro que utilizaron de coartada para estafar e, unha vez dentro da casa, roubar o que podían un ou máis individuos que ían dun lugar a outro do rural. Despois presentábanse coa desculpa do cambio de contador eléctrico ou calquera outra inspección ou traballo. Estes días volveron aparecer os do gas na provincia de Pontevedra. Iso si, previamente chamaron aos da casa para anunciar que ían facer a sua revisión.
Paula Novas, voceira da Policía Nacional en Pontevedra: "Falamos de dous casos. A cantidade defraudada foi de máis de 300 euros e a outro de case 300 euros. Trátase dun indiviudo que chega á porta, se identifica como revisor do gas e logo de manipular a caldeira en ambos casos, alegando que hai válvulas atascadas que precisan ser cambiadas, cobroulles esa cantidade de diñeiro".
Polo xeral, a empresa do gas avisa das revisións por carta e os seus técnicos van plenamente identificados. De entrada hai que saber con quen temos contratada a instalación do gas.
Segundo a voceira do CNP en Pontevedra: "Iso é o primeiro, e despois non lle abra a porta a ninguén sen comprobar se se trata realmente dun revisor do gas. E ante algunha dúbida, chame á comisaría, que nós faremos xestións para comprobalo, ou chame algún familiar no caso de persoas maiores, que adoitan ser as vítimas que máis elixen estes individuos. E ollo con deixar acceder á vivenda a persoas alleas porque tamén poden roubarlle o que vexan á man: xoias, diñeiro...".
A voceira da policía afirma que, se dubida dos supostos técnicos antes de abrirlles, chame un familiar ou, senón, á comisaría.