CRTVG

Buscar

Un operativo de 800 persoas busca tres desaparecidos tras as riadas en Mallorca

Publicado o 11/10/2018 10:04

• Comezan as tarefas de limpeza en Sant Llorenç e S'Illot

• O lugar será zona catastrófica e daranse axudas ás familias

A presidenta do Goberno balear, Francina Armengol, explicou que un operativo dunhas 800 persoas está a buscar a tres persoas desaparecidas tras as inundacións que afectaron a Comarca do Llevant.

Segundo detallou o Servizo de Emerxencias 112 a través da súa conta de Twitter, nas últimas horas notificouse a desaparición de dúas persoas de nacionalidade alemá. A outra persoa á que se está buscando é un neno de cinco anos, cuxa nai é unha das vítimas mortais da riada que afectou o pasado martes á Comarca do Llevant de Mallorca.

As localidades mallorquinas máis afectadas polas riadas foron Sant Llorenç e S'Illot. O Goberno balear solicitará nas próximas horas a declaración de zona catastrófica. Á parte das perdas humanas, os danos materiais son cuantiosísimos.

Desde o aire apréciase ben a devastación que deixou a tromba de auga que durante catro horas arrasou o martes ao serán o leste da illa. Hoxe volverá ser un día de moito traballo nestas localidades mallorquinas. Por exemplo, Sant LLorenç, unha das máis afectadas, porque nela confluíron dous torrentes. Nas súas rúas acumúlanse toneladas de lixo. Útiles persoais, coches... Algúns veciños contaban nas últimas horas como se salvaran de milagre.

"Pensei que ía morrer dentro. Pero despois dixen, non quero morrer, rompín o cristal e saín nadando. A auga corría por todas partes", relata un veciño.

"Chegamos á rotonda e non puidemos ir nin para diante nin para atrás. Así estivemos dúas horas incomunicadas", explica unha muller.

Os equipos de busca volverán hoxe peitear a costa e as zonas rurais coa axuda de cans adestrados na busca do menor de cinco anos desaparecido. A súa nai conseguiu poñer a salvo unha filla de 7 anos, pero ela e mais o seu filllo non se salvaron, foron arrastrados no vehículo en que viaxaban os tres. Unhas cincocentas persoas quedaron feridas. A maioría das familias desta localidade quedaron sen nada. Nin casa, nin negocio, nin leiras. A tromba de auga estragou cinco pontes e rebentou o firme das estradas. Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía, estas trombas de auga foron consecuencia dun "cóctel perfecto" que desencadeou unhas precipitación tan torrenciais que só se producen unha vez cada 80 anos.

O Consello de Ministros aprobará esta mañá as primeiras axudas ás familias. Pedro Sánchez puido comprobar nas últimas horas o estado en que quedou a vila. Alí tamén estivo o presidente do PP. As mensaxes de solidariedade chegaron de todos os recunchos. Desde Galicia, o presidente da Xunta ofrece toda a axuda ao Goberno balear.  

O tenista Rafael Nadal foi un dos moitos cidadáns de Mallorca que se achegaron ata Sant Llorenç para axudar nos traballos de limpeza. O deportista integrouse nun grupo de 20 persoas que se dedicou a achicar lama e auga dun taller mecánico onde a auga chegou ata os dous metros de altura.





 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/10/2018