CRTVG

Buscar

Retómase a busca de Marta Calvo

Publicado o 10/12/2019 08:40
Retómase a busca de Marta Calvo

Unha xornada máis, retomarase a busca de Marta Calvo, a moza valenciana que desapareceu o 7 de novembro. O sospeitoso da súa morte está citado a declarar hoxe perante o xuíz de Alzira. Os investigadores non cren a versión que deu. Dixo que fora unha morte accidental e que tirara os seus restos despezados en varios colectores. 

A busca de Marta Calvo continuará hoxe no municipio valenciano de Manuel e nos seus arredores. O operativo de busca confórmano un cento de efectivos, a Unidade Canina, o escuadrón de Cabalería e a Unidade Militar de Emerxencias. Haberá controis exhaustivos en zonas onde se cre que pode estar, en pozos, en gabias, en vertedoiros...

Buscan evidencias que corroboren ou contradigan a versión do sospeitoso, Jorge Ignacio Palma, colombiano con antecedentes policiais, de 37 anos, que permanece en prisión preventiva no cárcere de Picassent.

Mentres non apareza o seu corpo, non se pode determinar se a moza de 25 anos morreu de xeito violento ou natural. Na súa primeira comparecencia perante a xuíza de garda, Jorge Ignacio negouse a declarar. Ante a Garda Civil, nunca confesou que matara a Marta. Só dixo que quedara dúas veces con ela e que morrera accidentalmente na casa en que vivía de alugueiro tras un encontro en que houbo sexo e cocaína.

O seu nome xa aparecera relacionado coa morte dunha prostituta en marzo, tamén tras unha festa con eses mesmos ingredientes. Os investigadores barallan agora reabrir ese caso.

Noticias web

10/12/2019