CRTVG

Buscar

Volven as oposicións ao recinto feiral de Silleda, con protocolos sanitarios

Publicado o 14/03/2021 14:44

Son unhas oposicións inevitablemente marcadas pola pandemia. A Xunta retomou os exames logo de que as autoridades sanitarias autorizaran a súa celebración cuns protocolos estritos e co recinto de Silleda máis baleiro do habitual nun proceso selectivo.

No interior dos pavillóns a distancia de seguridade entre os opositores é de entre catro e cinco metros. Un operativo de 278 persoas controla que todas medidas se cumpran.

Máis de 1.500 persoas estaban inscritas nestas oposicións para optar a 129 prazas de fisioterapia, terapia ocupacional e enfermería.

Esta mañá, das 404 persoas convocadas, presentáronse finalmente 242 para o grupo A2 de fisioterapia. No exame de terapia ocupacional a participación ascendeu ao 74 por cento dos convocados.

O conselleiro de Administación Pública acudía ao recinto no momento de retomar estes exames, cualificábao como un "bo día" e facía un anuncio:

"Este mes de marzo na Xunta de Galicia aprobaremos a oferta de emprego público do ano 2021, co cal completaremos a histórica oferta que fixemos no mes de decembro", dicía Valeriano Martínez, conselleiro de Facenda e Administración Pública.

Pola tarde será a quenda do grupo A2 de enfermería. Están chamados a participar 719 aspirantes.

Noticias web

14/03/2021