Retómanse as conexións ferroviarias entre Galicia e Madrid
Os servizos ferroviarios van volvendo á normalidade tras o paso da borrasca Filomena. Dende onte ao mediodía catro trens de ida e outros tantos de volta cobren o traxecto Galicia-Madrid case con total normalidade.
Algúns pasaxeiros din que os acaban de avisar que terán que facer un transbordo en Ourense para continuar ata Madrid en autobús. Dende o Adif aseguran que o motivo deste transbordo non é a neve senón a falta de trens e é que houbo moitos pasaxeiros que tiñan previsto viaxar durante a fin de semana e tiveron que pospoñelo por culpa do temporal.
Unha viaxeira di que perdeu de ira traballar porque tiña previsto viaxar en avión onte e foi imposible por culpa do temporal. Outros aseguran que tiveron que cambiar o billete para hoxe porque o sábado estaban suspendidas todas as conexións coa capital.
A conexión por ferrocarril entre Vigo e O Porto tamén funciona con normalidade.
A estas horas, o único tren que permanece suspendido por mor das condicións atmosféricas é o que conecta Vigo e Barcelona.