CRTVG

Buscar

Realoxados os dous maiores que tiveron que abandonar a casa por un incendio no rocho

Publicado o 28/01/2019 14:12

E no concello da Estrada o incendio nun rocho puxo en apuros as dúas persoas que habitan a vivenda, maiores, e unha delas con mobilidade reducida. Os veciños axudáronos a poñerse a a salvo mentres chegaban os bombeiros.

O incendio empezou nun cuarto utilizado a xeito de rocho desta vivenda dos Besteiros, na parroquia estradense de Riobó. Foi pasadas as dez da noite do sábado, cando estaban dentro os seus moradores.

"Foi providencial que os veciños axudaron a saír dúas persoas que vivían dentro, dúas persoas maiores, unha delas con mobilidade reducida polo que ao chegarmos xa nos centramos na extinción"

O lume estaba confinado no cuarto do quentador onde había acumulado material diverso, incluídas 6 bombonas.

" O teito tiña poliuretano proxectado o que xerou moita carga de lume e un fume moi enerxético.
"Había unha bombona moi afectada polo lume. Procedemos a refrixerala ata que parou a fuga de gas. A dona botou de menos o gato. Buscamos e atopámolo asustado, pero en bo estado, baixo unha mesa na sala", di Juan José Iglesias, xefe do parque de bombeiros do Deza, Tabeirós e Terra de Montes.

As pescudas sobre a orixe do incendio non están completadas, pero as primeiras análises apuntan a que se debe a unha incidencia de tipo eléctrico.

Ademais dos bombeiros con base en Silleda tamén traballou no lugar do sinistro o equipo de urxencias da Estrada.






 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

28/01/2019