Realizan cribados a mozos en varias vilas da Mariña, onde hai máis de 420 contaxios activos
No hospital público da Mariña, en Burela, hai seis pacientes ingresados con covid−19, entre eles, unha muller embarazada. Son as persoas máis afectadas entre os máis de 420 contaxios activos rexistrados na comarca.
Debido a que se dispararon os casos, sobre todo entre a xente nova, Sanidade está a realizar cribados entre a poboación de 18 a 30 anos de varios concellos. O primeiro realizouse en Foz, e estaban convocados máis de 800 mozos.
"Paréceme moi boa idea. Debido á alza de casos que está habendo, pois creo que é o que temos que facer todos, poñer un pouco da nosa parte e vir a ver que pasa". "Para min, todo o que sexa participar en probas para saber se hai covid ou non paréceme o máis adecuado. Paréceme que todas as persoas a que chaman, que ademais é gratuíto, debían vir para facer a proba". "Paréceme necesario por como se están poñendo as cousas. Todo o que sexa vir e descartar que temos covid−19, pois mellor", sinalan varios participantes no cribado.
Con 91 positivos, nesta vila turística mariñá a incidencia acumulada a 14 días supera os 900 casos activos por cada 100.000 habitantes. Existe, por tanto, preocupación entre os veciños e os hostaleiros.
"Agora mesmo estamos intentando manter as medidas o máximo posible. Non pode haber máis de dez persoas na terraza, dentro ten que haber bastante separación, hai que respectar moito a capacidade, limitada ao 50 por cento... A verdade é que aquí houbo a desgraza de varios positivos en varios locais da vila". "A xente está preocupada. De feito, algún bar xa cerrou", sinalan.
Para esta tarde están convocados máis de 830 mozos para un cribado en Ribadeo, e mañá 1.700 máis para outro en Viveiro.