CRTVG

Buscar

Reactívase o caso do crime do Ceao coa toma de novas declaracións tras 24 anos

Publicado o 10/07/2018 21:07

Despois de 24 anos reactívase a investigación do crime do Ceao, en Lugo, en que dous empregados deste establecemento eran asasinados a tiros. Hoxe pasaron polo xulgado dúas testemuñas que aparecen nos atestados. A familia das vítimas cre que estas declaracións abrirán novas liñas de investigación que dean resposta ao sucedido.

Ás dez da mañá estaban citados no Xulgado de Instrución numero 1 de Lugo dúas testemuñas, unha delas axente das forzas de seguridade, que aparecen nos atestados do crime do Ceao. Un suceso de abril de 1994 en que dous empregados deste establecemento eran asasinados a tiros. 24 anos despois reactívase o caso, que mesmo estivo a piques de prescribir. 

A única persoa que aparece de momento como investigada no caso é un antigo hostaleiro de Lugo que agora reside en Burgos, que só foi interrogado unha vez e que non volveu prestar declaración dende o ano 96. O caso mantense aberto pola perseveranza das familias das dúas vítimas.

A toma de novas declaracións non é o único paso dado polo xulgado que leva o caso, tamén deu unha nova prórroga á investigación do dobre crime ata decembro.

Arredor deste crime sempre houbo moitas incertezas sobre a súa autoría e o móbil. Aínda que sempre se falou do roubo de máis de tres millóns de pesetas, o caso tamén podería ter relación co tráfico de drogas e de armas.

Noticias web

10/07/2018