CRTVG

Buscar

Reaccións á sentenza dos ERE: o PP pídelle a Sánchez que asuma responsabilidades

Publicado o 19/11/2019 15:00

Os partidos da oposición subliñan o dano que a corrupción fai na imaxe da política e pídenlle a Pedro Sánchez que asuma responsabilidades.

O actual presidente da Junta de Andalucía, o popular Juan Manuel Moreno, fixo unha declaración institucional nada máis coñecerse a sentenza. Gaba o traballo da xustiza ao tempo que denuncia o dano que lles fixo ás institucións andaluzas este caso de corrupción.

A sentenza dos eres coñécese en plenas negociacións para conformar novo goberno, e as reaccións nas redes sociais van nesa liña. Pablo Iglesias, o líder de Unidas Podemos, recalca que España cambiou e non volverá tolerar a corrupción. 

Santiago Abascal, desde Vox, asegura que a sentenza de hoxe debería ter como resposta o illamento do partido máis corrupto de Europa. E recórdalle a Iglesias o que dixo no pasado cando pediu unha moción de censura contra Rajoy. Tamén dá a súa opinión o ex-presidente de Ciudadanos, Albert Rivera, que lle pide a Pedro Sánchez que dimita.

O PP recorda as penas e di: "Nin rexeneración, nin progreso, nin dignidade". E responsabiliza a Pedro Sánchez.

Hai que agardar a reacción do propio Pedro Sánchez, que, no pasado dixo sempre que confiaba na inocencia de Chaves e Griñán e na súa honestidade. O ex-ministro socialista José Bono di que, a pesar da sentenza, segue convencido da inocencia de Griñán.

PSOE andaluz reafírmase na "honorabilidade" de Chaves e Griñán

O secretario de organización do PSOE andaluz, Juan Cornejo, reafirmouse na "defensa da honorabilidade e a honradez dos ex-presidentes da Junta", e asegurou que a sentenza do caso ERE indica que "nin se enriqueceron nin levaron un só euro ao seu peto".

En comparecencia de prensa, na que só aceptou unha pregunta dos xornalistas, entendeu que a sentenza non ten que provocar "responsabilidades políticas", porque "as que derivaron deste asunto foron asumidas e dirimidas hai moitos anos".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

19/11/2019