CRTVG

Buscar

Reabren varios museos, con novas medidas de seguridade

Publicado o 02/06/2020 16:33

Varios museos de Galicia abren hoxe as súas portas con novas medidas de seguridade. Tres exemplos: en Santiago, o Museo do Pobo Galego; en Vigo, o Marco e en Padrón, a Casa Museo de Rosalía de Castro. A cultura volve coa máscara posta.

Na Casa da Matanza abriron as portas ás 10 da mañá. A Casa Museo de Rosalía de Castro, onde viviu e morreu a poeta, nunca estivera pechada tanto tempo. Volve a recibir visitantes, pero con medidas de seguridade, sen grupos, agás unidades de convivencia de ata 5 persoas. Márcase un máximo de tres visitantes por sala.

A cultura volve con máscaras. Dúas exposicións esperan no Museo Marco de Vigo, que esta mañá, ás once, tamén abría as súas portas; unha do pintor Colmeiro e outra de Yolanda Herranz. Vanse prorrogar ata setembro. Na súa inauguración, hai máis de dous meses, a artista falábanos dunha experiencia case profética.

Outra nova apertura foi a do Museo do Pobo Galego en Santiago, que alberga a memoria etnográfica e cultural dos galegos e que esta maña xa recibía os seus primeiros visitantes. Tamén aquí pídese prudencia. Respectar os dous metros de distancia, mellor pagar con tarxeta ou deixarse guiar polos itinerarios marcados para desfrutar e atender a cultura con seguridade.

Noticias web

02/06/2020