CRTVG

Buscar

Volven os centros de lecer infantil, pero as piscinas de bólas non van ter bólas

Publicado o 03/07/2020 14:45

Volven con moitas ganas, e con limitacións, os centros de lecer. Os pequenos xa poden gozar dalgunhas actividades nestes locais, onde cada un elixe o que máis lle gusta.

Para que eles poidan volver, os locais teñen que cumprir un protocolo. Inclúe medidas como a hixiene de mans, uso de máscara obrigatorio para maiores de seis anos, unha ocupación máxima do 75% e máis cousas.

Juan Oubiña, xerente de Peixiños Parque Infantil, cóntanos que teñen que baleirar a piscina de bólas, e facer unha desinfección xeral de todo o local. "Hai que desinfectar constantemente", di.

No negocio de Sandra Conde aínda están a pensar como poden abrir.

"Hai moitos xogos que se poden reinventar e manter a distancia con máscaras, pero temos que ir con moito coidado pola seguridade dos nenos e dos traballadores".

Os que abriron e os que non o fixeron aínda reclaman máis axuda.

"Precisamos que a Administración nos bote unha man ou nos dea algún tipo de axudas porque se non vai ser difícil manter os negocios abertos", comenta Juan Oubiña.

"Temos que ir moi pouco a pouco e para iso necesitamos axuda porque se non non podemos facelo", apunta Sandra Conde.

Porque á caída nos ingresos, lembran, súmanse os gastos engadidos para aplicar as novas medidas.

 

Noticias web

03/07/2020