CRTVG

Buscar

Reabre o Museo da Construción Naval de Ferrol logo da restauración

Publicado o 03/03/2020 14:29

Tras dúas semanas pechado, o Museo da Construción Naval de Ferrol abre con novos bríos as súas portas. E nunca mellor dito, porque nada máis entrar comprobamos no primeiro andar o resultado dos traballos de restauración e limpeza dos últimos días nas esculturas de leóns do século XVIII que antes presidían o arsenal e agora fan o propio no histórico edificio das ferrerías, ateigado hai dous séculos de fraguas coma esta reprodución que principia a visita, tamén acabada de limpar.

Entre anacos de historia da construción de barcos desde o século XVIII, admiramos a consolidación do pecio da mesma época do Santa María Magdalena para ir dar con outra das novidades: a recolocación das diferentes embarcacións e autómatas que recolocaron estes días os propios empregados do museo, co que conseguiron unha visita máis didáctica e satisfactoria.

Queda pendente reservar un lugar para evidenciar o labor das mulleres, patente no extenso arquivo fotográfico do museo.

A vindeira semana está previsto recolocar unha embarcación F105 da Armada, tamén nese primeiro andar.

Noticias web

03/03/2020