CRTVG

Buscar

Reabre o colexio Calasancio de Pontevedra, pechado hai unha semana por 8 positivos

Publicado o 21/09/2020 13:53
Reabre o colexio Calasancio de Pontevedra, pechado hai unha semana por 8 positivos

O colexio plurilingüe Calasancio de Pontevedra reabriu "con total normalidade" este luns as súas portas a un total de 72 alumnos de 1º e 2º de Educación Primaria, despois de que hai unha semana se convertera no primeiro centro de Galicia en pechar tras detectarse oito positivos por coronavirus no seu persoal.

O reinicio da actividade presencial produciuse "sen ningún problema e sen ningunha incidencia" ás 8,45 horas da mañá, segundo fontes do centro, cando os dous cursos entraron nas súas aulas por circuítos diferentes.

O pasado venres, o propio centro emitiu un comunicado ás familias no que informaba de que, tras recibir a autorización das xefaturas territoriais das consellerías de Educación e  Sanidade, retomaría este luns o seu plan de reincorporación á actividade presencial "seguindo as indicacións" das autoridades.

En concreto, 1º e 2º de Educación Primaria foron os primeiros en volver ás aulas este luns. O resto farao de forma graduada: 3º, 4º e 5º de primaria, este martes; 5º e 6º de educación infantil, o mércores; 6º de primaria, o xoves; e 3º de educación secundaria obrigatoria (ESO), o venres.

Xa a próxima semana, os últimos en reincorporarse serán os alumnos de 4º da ESO, que o farán o luns 28 de setembro; e 1º e 2º tamén da ESO, o martes 29.

En todos os cursos que continúan nas súas casas desde o pasado luns, cando o colexio tivo que pechar, manterase a teledocencia ata que volvan á actividade presencial.

72 alumnos no centro

Tamén resaltou a "total normalidade" da recuperación da actividade neste centro o xefe territorial da Consellería de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares, quen en declaracións aos medios informou da incorporación este luns dun total de 72 alumnos de 1º e 2º de primaria.

Aínda que "nalgún caso houbo faltas xustificadas" nestes grupos, dado que "algunhas familias se atopan en corentena", estas instalacións "aos poucos volverán á normalidade unha vez vaian incorporándose o resto de docentes e de persoal", afirmou.

Peche tras oito positivos

O centro anunciou que pechaba as súas instalacións o pasado 14 de setembro tras detectarse oito casos de covid-19 entre o persoal. As probas serolóxicas realizadas a todo o profesorado antes do inicio do curso deran negativo, pero dous docentes empezaron a desenvolver síntomas compatibles coa enfermidade ao día seguinte.

Ambos se someteron a PCR, que confirmaron o positivo dun deles. A partir de aí, informouse as familias do alumnado dos cursos implicados o venres 11 de setembro pola noite.

Tras realizar as probas a todo o persoal do colexio, tanto docentes como de limpeza, administración, secretaría e comedor, detectouse un total de oito positivos.

Xusto unha semana despois do seu peche, este luns recuperouse a actividade presencial "con normalidade" e "sen ningún problema" para suplir os postos das oito persoas que continúan en illamento tras dar positivo, segundo aseguran dende o centro.